w Obradoiro de emprego
  • 23-Agosto-2018 16:36
    Info Xeral

    Obradoiros de emprego para actividade forestal para mozas e mozos ata os 30 anos

    As mozas e os mozos de entre 18 e 30 anos, residentes en Val do Dubra, poderán participar nos talleres de emprego impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O obradoiro do que se beneficia o Concello de Val do Dubra — en agrupación cos da Baña, Negreira e Santa Comba — especialízase en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes. Ten unha duración de seis meses e alterna a teoría coa práctica profesional.
    Poden asistir a estes cursos todas as persoas de entre 18 e 30 anos. Para acceder ao proceso de selección do obradoiro "Xallas-Barcala-Dubra V" hai que achegarse á Oficina de Emprego Santiago Norte (Rúa do Coto, 19, Compostela) para formalizar a alta no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
    Ademais da formación específica para a actividade forestal, o obradoiro actualizará ás/aos asistentes en materias de alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e prevención de riscos laborais. Tamén incluirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial.
    Para o alumnado participante que non acadara os obxectivos da Educación Secundaria Obrigatoria organizaranse programas específicos para obter o certificado mediante as probas correspondentes.