• 2018-08-24 17:18:14
    Info General

    3 matrimonios mosenses que celebran este ano as súas Vodas de Ouro serán homenaxeados na Festa da 3ª Idade de Mos
    A emblemática celebración chega este ano á XXVIII edición e en 2017 logrou congregar a 700 persoas en Costoias
    Unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores, chega este ano á súa vixésimo oitava edición que se celebrará o domingo 26 de agosto.
    O Concello de Mos organiza un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que se celebrará en Costoias, parroquia de Tameiga, cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Este ano a celebración cumpre a XXVIII edición e contará coa asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, acompañados dos seus familiares e amigos.
    Esta emblemática festa soe gozar cada ano dun éxito rotundo (o ano pasado asistiron 700 persoas) e está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
    Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 33 parellas de todo o municipio, un total de 66 persoas ás que dende a admistración local mosense xa se lles fixo chegar cadansúa invitación.
    Da parroquia de Tameiga procede o grupo máis numeroso, de 7 matrimonios, de Mos son 6 matrimonios, de Petelos 4, de Louredo outros 4, de Guizán 3, de Pereiras 3, de Sanguiñeda 2, de Cela outros 2, de Dornelas 1 e de Torroso 1.
    Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.
    O festexo iniciarase ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada pola Coral O Son dos Cantares (seguida de procesión) na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 horas a Banda de Música Xuvenil de Torroso dará un concerto e ás 14.00 horas comezará o aperitivo campestre gratuíto para tódolos asistentes. Os matrimonios homenaxeados tamén serán convidados polo Concello ó xantar que será ás 14.30 horas.
    Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chegará a actuación musical do grupo KOMOAYER e a entrega de agasallos ós homenaxeados. Ós matrimonios que non estean presentes entregaráselles o detalle no seu domicilio.




    Adjuntos: