• 2020-01-21 12:29:18
    Servicios Sociales

    Tarxeta Benvida: axuda económica para as familias con fillos e fillas nados no ano 2020
    Obxecto

    Concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2020 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aqueloutras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías da ampliación desta axuda.

    A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.
    Persoas beneficiarias

    1. Persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

    Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
    Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

    2. As galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2020.

    3. Poderán beneficiarse da ampliación aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 €, ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2018 e 2019 e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas. O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2020 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.
    Requisitos

    Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Considerarase cumprido este requisito co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.
    Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. De ser superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €. *
    Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á ampliación da axuda prevista no artigo 4.2.
    Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2020 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.
    Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda do 25%.
    Estar en situación de especial vulnerabilidade téccnicamente valorada polo sistema público de servizos sociais e ter un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución, para percibir a axuda un ano mais.
    Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
    No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda con fins adoptivos, non pode volver solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

    * Para a determinación da renda da unidade familiar, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración da renda do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

    Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e mais:

    As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
    As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
    As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.
    As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos.

    No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar (familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.
    Contía da axuda

    1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes, con carácter xeral.
    2.400 € a razón de 200 €/mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o terceiro/a ou sucesivo/a.

    Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

    Ano 2020: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento, ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.
    Ano 2021: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

    Ampliación da axuda: as familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito á axuda no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:

    600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.
    1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.
    2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

    Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

    As contías dos puntos anteriores incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

    Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea tecnicamente valorada en situación de especial vulnerabilidade, teñan un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data na que o neno ou nena faga os tres anos.