A Lama Informa
Esta orxinal obra dirixida por Andrés Lorenzo e presentada por Xulio dos “Alegres de Pontevedra” supuxo un éxito de público e diversión. A agrupación músico-cultural “Catro Ventos” da Lama puxo en escena na Alameda a obra de teatro musical en galego “Noutrora. Historia dunha carta” na que participaron máis dun cento de músicos dirixidos por Andrés Lorenzo e presentados co humor retranqueiro de Xulio dos “Alegres de Pontevedra”. O público, que encheou a Alameda da Lama, aplaudiu agradecido a actuación deste grupo de músicos de tódalas idades metidos a actores dunha montaxe musical moi orixinal e divertida. O fío conductor do espectáculo é a narración de Xulio dos “Alegres de Pontevedra” que interpreta a un carteiro que vai lendo unha vella carta datada nos anos coarenta do século pasado e vai contando unha historia dunha parella onde se van intercalando actuacións musicais relacionadas con distintas pasaxes da súa vida onde se reflicten costumes e tradicións galegas, desde as típicas festas parroquiais, procesións, as bandas de música, tarefas cotiás como o preparado en directo e amasado para face-lo pan tradicional, cantares de cego, taberneiro, esmoleiro, lanzamentos de foguetes, o fenómeno da emigración, os noivados e ata as relacións prohibidas entre un cura e unha feligresa. En fin, trátase dun espectáculo de gran calidade musical e interpretativa onde os compoñentes de Catro Ventos van levando o peso e o protagonismo da obra onde interveñen persoas de avanzada idade que lle dan vida aos distintos personaxes que van desenrolando unha obra moi orixinal e atractiva para públicos de tódalas idades. O elenco de músicos complétase con colaboración de artistas moi consagrados da talla de Xosé Iglesias dos míticos “Fuxan Os Ventos” e, noutras ocasión intérpretes do nivel de Iván Gulín, Juan Viñas, José Alonso e Samuel Soto asi como membros de 'Os Coribantes de Buchabade', 'Son da Piedra' e 'Aires de Cobres' ou o mítico gaiteiro Isidro Vidal, autor do reto de facer unha composición diaria para gaita durante un ano, que tamén colabora as veces neses espectáculo. Ao rematar o espectáculo, entre aplausos do público, os concelleiros do grupo de goberno do Concello da Lama David Carrera, Daniel Vidal e Francisco Pérez agradeceron aos membros das distintas agrupacións a súa participación no evento e felicitaron especialmente a Andrés Lorenzo, Xulio dos “Alegres de Pontevedra” e aos compoñentes de Os Catro Ventos pola súa magnífica actuación.

Archivos adjuntos:
Noticias 06-Agosto-2019 08:52