A Lama Informa
O CEIP DE A LAMA COMEZA O CURSO ESCOLAR CON 13 NOVOS ALUMNOS EN PRIMARIA E COA RENOVACIÓN DO SISTEMA ELÉCTRICO E DOS ASEOS DO CENTRO EDUCATIVO O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, mantiveron un encontro co profesorado para repasar os traballos realizados polo Concello no centro educativo Un total de 13 novos alumnos de primarias foi a principal novidade do inicio do curso escolar no CEIP da Lama nunha xornada marcada pola visita do tenente de alcalde David Carrera e do concelleiro de Cultura e Deportes e membro do consello escolar, Daniel Vidal, que supervisaron o remate das obras de mantemento realizadas polo Concello e a Xunta de Galicia, que permitiron tamén a renovación do sistema eléctrico do centro educativo así como dos aseos existentes onde a Consellería de Educación investiu uns 47.000 euros. Os novos alumnos incorporados viviron escenas de especial emoción ante unha nova etapa na súas vidas que ten como protagonista a súa incoporación ao CEIP da Lama. Á súa chegada os alumnos foron recibido polo director, Rafael Sánchez-Agustino, e un total de 14 mestres que serán os encargados de desenvolver o proxecto educativo no que estarán implicados os máis de 90 alumnos que conforman a matrícula deste centro escolar. David Carrera e Daniel Vidal lembraron o seu paso por estas mesmas instalacións educativas e repasaron as novidades en infraestruturas e reorganización que presenta o centro escolar con respecto aos anos 80, época ata a que estiveron escolarizados. Por outra banda, o director Rafael Sánchez-Agustino agradeceu a colaboración do Concello durante todo este verán nos labores de mantemento e reparación de distintos elementos que se foran deteriorando co uso das instalacións e salientou a entrega e profesionalidade do persoal municipal á hora de levar a cabo estas tarefas que foron o pintado de espazos, arranxo de persianas, portas, problemas de humidades e canalización de augas pluviais, etc. Por outra banda, os responsables municipais comprobaron a colocación da pasarela cuberta desde a zona de recepción dos autobuses escolares, unha demanda feita polos pais e nais de alumnos que se veu cumprida, así como das melloras acometidas pola Xunta de Galicia que supuxon un investimento global duns 47.000 euros. Entre as melloras acometidas están a eliminación de barreiras arquitectónicas no centro, tanto pola la execución dunha rampla como pola reforma dun aseo adaptado a necesidades especiais, dando así resposta ás necesidades dun alumno con limitación de mobilidade matriculado no colexio. O aseo conta con inodoro e lavabo adaptado, modificándose tamén o aceso ao centro retirando as escaleiras e substituíndoas por ramplas con pendente de formigón e varandas. En canto a reforma do sistema eléctrico, permitiu corrixir os cadros eléctricos, cambiar as liñas de distribución, redistribuir as liñas de forza dos enchufes e instalar novas luminarias de emerxencia. Esta obra roldou os 29.600 euros. A todas estas obras cabe sumar a nova pasarela exterior executada polo Concello da Lama co obxectivo de que os menores poidan baixar do autobús e chegar ao centro sen sufrir as inclemencias do tempo. Esta obra, xa rematada, supuxo un investimento de máis de 6.000 euros. O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, mantiveron un encontro co profesorado para repasar os traballos realizados polo Concello no centro educativo Segundo lembraron os responsables municipais, nos últimos anos conseguiuse que a Consellería de Educación investira neste centro escolar case 300.000 euros en diversas obras de mellora deste colexio, en especial na mellora da cuberta do centro, así como na reforma da fachada, dos canos interiores, dos vestiarios e da tarima.

Archivos adjuntos:
Noticias 11-Septiembre-2019 14:16