A Lama Informa
- ENTROIDO A LAMA 2020 - A LAMA ABRE O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NO DESFILE QUE CONVERTIRÁ ÁS RÚAS DO CENTRO DA VILA NUN AUTÉNTICO SAMBODROMO DE HOMENAXE AO CONDE CABANELAS -As comparsas competirán por levarse o premio “Conde Cabanelas” que será entregado por primeira vez nesta edición. -A organización limitará o número de inscritos para evitar que o aumento de participantes desborde o xa multitudinario Entroido da Lama. A Lama, 4 de febreiro de 2020 O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, acompañado polo tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, presentou a nova edición do Entroido que este ano centrará o seu desfile, que terá lugar o sábado 29 de febreiro ás 17 horas, en honra-la figura do Conde Cabanelas, filántropo natural do lugar de Covelo e impulsor da saída á rúa do mítico Carnaval de Río de Janeiro, e en prodigarlle unha merecida despedida á comparsa Amoriños de Bora que este ano anunciou a súa retirada. Así, as comparsas participantes ademais de concursar por ter o aprezo do público e do xurado, as tres primeiras clasificadas recibirán unha estatuiña que recolle o monumento ao Conde Cabanelas instalado na praza que leva o seu nome na parroquia de Covelo. A figura, feita en bronce, é unha homenaxe permanente do Concello da Lama a Manuel Barreiro Cabanelas e á súa obra. Por outra banda e dado o éxito de participación das pasadas edicións e ante a necesidade de facer manexable o número de persoas que desfilan na Lama, máis dun milleiro, novamente nesta edición limitaranse o número de grupos participantes para garantir o espectáculo, o seu dinamismo e un tempo de percorrido acorde ás expectativas do público. Nesta edición o desfile contará con 9 comparsas, unha máis que o ano pasado, xa que amosaron o seu interese en formar parte do desfile que cada ano se consolida como a cita do entroido máis multitudinaria das que se realizan na comarca do Verdugo-Oitavén. Así, ademais de Amoriños de Bora, estarán presentes Os 100 Tolos, Os Canecos, Os da Cana, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Solfamidas e Os Miúdos de Arcade, que se estrean no desfile da Lama. O desfile, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de febreiro a partir das 17 horas, contará coas habituais carrozas que darán esplendor ao evento, bo humor e colorido a cargo grupos e disfraces de parellas e individuais, ademais dunha ampla representación infantil a cargo dos nenos e nenas do municipio lamés así como dos colindantes. Coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca do Verdugo-Oitavén, habilitáronse novamente dúas categorías: local e visitante, dotadas con suculentos premios por igual para favorecer a asistencia e a compensación en premios para os mellores disfraces. Por local a organización entende aqueles participantes domiciliados nos municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama. Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do xoves 27 de febreiro. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.concellodalama.com e deberá ser presentado no Consistorio, a Biblioteca Municipal e/ou por fax (986 76 82 82). Os premios do desfile aos que se poderán optar son os seguintes: Comparsas: 1º Premio……………Trofeo e diploma como Raíña do Entroido. 2º Premio………………………….Trofeo e diploma do 2º Posto. 3º Premio…………….Trofeo e diploma acreditativo do 3º Posto. Grupos: 1º Local…………200 euros. 1º Visitante…..200 euros. 2º Local…...…….150 euros. 2º Visitante…..150 euros. 3º Local……...…..100 euros. 3º Visitante.….100 euros. Individuais / Parellas 1º Premio único…………………………………..75 euros. 2º Premio único…………………………………..50 euros. 3º Premio único…………………………………..30 euros. Agrupación Infantil Único premio……..……….50 euros. Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levarllo. O xurado será independente da organización e do Concello da Lama e estará formado por 5 persoas pertencentes ao tecido asociativo deste municipio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante o baile de disfraces que estará amenizado polo conxunto musical 3.com. As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza. A súa música deberá ser interpretada en riguroso directo e realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación. En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática. A súa música non ten porque ser interpretada en directo. Polo que respecta os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

Archivos adjuntos:
Noticias 05-Febrero-2020 15:48