A Lama Informa
Os voluntarios, perfectamente protexidos por elementos de prevención de contaxio sanitario, atenderán as demandas domiciliarias de persoas que vivan soas e con dificultades para acceder a supermercados, farmacias ou entidades bancarias Membros do equipo de Goberno do Concello da Lama mantiveron esta tarde unha xuntanza de coordinación para favorece-la atención domiciliaria a persoas máis vulnerables ao COVID-19 á que asistiron membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea e responsables dos Servizos Sociais do Concello. Nesta xuntanza puxéronse as bases para unha actuación coordinada e responsable que ten por finalidade dar resposta ás necesidades de persoas que viven soas e que se atopan nos seus domicilios con escasas posibilidades de mobilidade e de transporte para poder acceder a alimentos e servizos de primeira necesidade, acudir a farmacias ou entidades financeiras. Este esforzo coordinado polo Concello da Lama e efectivos de Protección Civil pretende establecer un protocolo de actuación para marcar as pautas a seguir para atender personalizadamente as necesidades de todas e cada unha das persoas en situación de vulnerabilidade ás que se lle atenderá domiciliarmente. Os voluntarios de Protección Civil coordinaránse cos responsables de Servizos Sociais para actuar naqueles casos de necesidade e sempre guiados pola profesionalidade e a seguridade sanitaria. Para elo, os membros de Protección Civil gardarán un escrupuloso protocolo de actuación que preserve tanto a saúde das persoas sobre as que se actúe como a do propio voluntario. Así, irán provistos de tódalas medidas de prevención como mascarillas, luvas e uniformes de continxencia para evitar contaxios e propagación do coronavirus. Protección Civil e o Concello da Lama manterán tamén unha liña permanente e directa coas autoridades sanitarias e gubernativas para seguir a raxataboa tódalas indicacións que nese sentido se dimanen dos organismos coordinadores para garantir a eficacia e eficiencia das actuacións preventivas e combativas da pandemia do Coronavirus.

Archivos adjuntos:
Noticias 20-Marzo-2020 11:27