A Lama Informa

O Grupo de Goberno do Concello da Lama decidiu suspender a feira mensual que se tiña que celebrar este domingo 31 de xaneiro na Alameda e tamén o Entroido 2021 como consecuencia da incidencia da Covid-19 no municipio que fai que as autoridades sanitarias o inclúan no nivel máximo de restricións.

A decisión tomada polo Grupo de Goberno estivo moi meditada e baseada nos indicadores sanitarios e na alta incidencia que está a acadar o número de positivos detectados pola Covid-19 e que desaconsellan realizar ningún acto público ou privado con máis de 4 persoas.

Así, o Entroido da Lama é un acontecemento de masas que nos últimos anos se consolidou coa participación de máis de 1.000 persoas no seu desfile polas rúas do centro da vila e numeroso público provinte de tódolos concellos da comarca que se achegan ata A Lama para seguir as evolucións das comparsas, grupos e persoas disfrazadas.

Ante a imposibilidade de garantir a seguridade sanitaria e co fin de evitar correr calquera risco, o Goberno municipal da Lama decidiu suspender o labor organizativo do Entroido que entraba nestes días na súa fase de desenrolo máis importante con chamadas de comparsas, grupos e particulares interesándose por si este ano se levaría a cabo o espectacular desfile de rúa.

O mesmo sucede coa feira que desde que o Grupo de Goberno decidiu trasladala á Alameda estaba obtendo un éxito crecente atraendo a numeroso público das distintas zonas do rural lamense e tamén dos municipios lindeiros o que supón unha concentración de persoas incompatible coas novas normas e restricións impostas polas autoridades sanitarias polo que o equipo de Goberno decidiu tamén suspender esta actividade de dinamización económica e comercial ata que as condicións melloren e sexa posible realizar con plenas garantías este tipo de eventos.

O alcalde, Jorge Canda manifestou o seu pesar por ter que tomar estas decisións, pero argumentou que “ante unha situación de especial necesidade sanitaria hai que antepoñer sempre e en todo lugar a seguridade das persoas fronte a calquera outra actividade ou cousa e polo tanto tomamos esta decisión conscientes de que o máis importante é preservar aos nosos veciños e veciñas de calquera posibilidade de contaxio polo que dun xeito prudente decidimos suspender tanto a feira do domingo 31 como o Entroido que xa empezaba a amosar movemento e interese polas comparsas, grupos e demais”.

Jorge Canda insistiu na necesidade de preservar a saúde dos veciños e veciñas e manifestou que “cando venzamos entre todos esta pandemia xa haberá momentos para celebralo todos xuntos, con responsabilidade. Agora o que toca é ser prudentes, respectar e seguir as indicacións das autoridades sanitarias e velar por nós e polos nosos seres queridos para lograr superar entre todos esta crise sanitaria sen precedentes”, sinalou o alcalde.




Archivos adjuntos:
Noticias 22-Enero-2021 14:19