Pazos de Borbén Informa
Seguimos coas actividades que teremos este mes. Trátase dun espectáculo que mestura a narración co teatro e o cinema e que pretende divertir e espertar nas nenas e nos nenos o amor polo cine, descubrirlles o poder que teñen as imaxes e o cinema para transmitir historias.

"CINEMA DE HISTORIAS" será levado a cabo pola actriz e contacontos RAQUEL QUEIZÁS o Mércores 10 de marzo ás 13:00 horas no Auditorio do Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Será Alice Guy, a nai do cinema, a que esperte a curiosidade dos asistentes pola orixe da sétima arte. Alice, desde ben pequena, escoitou contos da súa avoa que espertaron nela o amor polos libros. Co paso do tempo chegou a ser unha gran contadora de historias que logo levaría á gran pantalla. Teremos a ocasión de viaxar no tempo para coñecer a súa vida e ver fragmentos das súas primeiras películas.

Alice Guy foi unha muller fascinante inxustamente esquecida. Foi a primeira persoa en dirixir cine de ficción contando unha historia, ademais foi actriz, guionista, deseñadora de vestiario, cámara, produtora, cómica, maga e moito máis...

Están convidados a esta actividade os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos acompañados dos seus mestres.


Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 08-Marzo-2021 14:00