• 2022-11-08 16:06:10
    Info General

    Realizáronse as gravacións de testemuñas sobre o patrimonio litoral cariñés, coa participación de  Ana Docanto, propietaria actual de "Conservas La Pureza" e de Nina Abella San Claudio, (filla do propietario de "La Cariñesa"), protagonistas da Ruta Urbana do proxecto "Cariño Mariñeiro" e con José Rodríguez Vilela, coñecido como "Pepe Riola" e Laureano Freire Riola, que narran detalles da Ruta Litoral deste proxecto financiado polo GALP A Mariña-Ortegal e o FEMP.

    Nas gravacións relativas á ruta urbana, realízase un contraste de dúas mulleres unidas directamente ao mundo da conserva na vila. Ana Docanto segue en activo, coa única empresa local de conserva en vigor no municipio. Amosa o proceso artesanal da conserva. Nina Abella danos unha visión da súa memoria, de como recorda o pobo tanto a nivel urbanístico como na rutina dun lugar onde convivían 22 naves conserveiras, cos seus bos momentos ate  a desaparición case por completo. Ademais, narra a historia de etapas gloriosas da flota pesqueira da década dos setenta, cando 30 buques extraían o peixe. Nina fala dos costumes, das festas, de como transcorría o tempo e a súa infancia, xa que a conserveira foi o seu patio de xogos, en "La Cariñesa".

    A ruta litoral é presentada por Pepe Riola e Laureano Freire, cos que conversamos sobre o patrimonio das parroquias de Feás e Sismundi, que nos dan as claves para emprazar os puntos de transporte de pasaxeiros que antes se realizaba nesta zona e do oficio de carpintería de ribeira. Contáronnos cal foi a  orixe, evolución e o seu declive. Cóntanos por que se instaura alí precisamente e cales son os materiais de construción, os tipos de madeira, lugares de diques, identificando os vestixios que aínda podemos ver no litoral, como esqueletos de barcos, ou edificios de serradoiros.

    Dende o Concello de Cariño quérese realizar un agradecemento moi especial ás persoas que colaboraron neste proxecto.



    Adjuntos: