-
O Concello de Irixoa porá en marcha un proxecto piloto para combater a vespa velutina nas sete parroquias do municipio2026-04-30 14:00:56Info Xeral
O Concello de Irixoa iniciará nas próximas semanas un proxecto piloto de control da Vespa velutina, unha especie invasora que supón unha ameaza para a biodiversidade, a apicultura e a seguridade cidadá.
A actuación consistirá na instalación de dúas trampas específicas en cada unha das sete parroquias do termo municipal, co obxectivo de reducir a presenza de exemplares e avanzar na súa minoración ou erradicación naquelas zonas onde sexa posible.
O calendario de actuacións prevé o inicio dos trampeos na primavera, coincidindo coa saída das raíñas fundadoras tras o inverno, prolongándose durante os meses de maior actividade da especie. Esta fase inicial considérase especialmente importante, xa que permite actuar antes da formación e expansión de novos niños.
Así mesmo, a época de máxima eficacia sitúase entre a primavera avanzada e o verán, cando aumenta o movemento de exemplares e resulta máis efectiva a localización dos focos de presenza.
Con esta medida, o Concello de Irixoa reforza o seu compromiso coa protección do medio rural, o apoio ao sector apícola e a conservación das especies polinizadoras, especialmente as abellas, fundamentais para o equilibrio ambiental e a actividade agrícola.
O proxecto contará con seguimento técnico para avaliar resultados, revisar localizacións e determinar posibles ampliacións futuras do programa en función da eficacia observada durante os próximos meses.
Desde o Concello solicítase a colaboración veciñal para comunicar posibles avistamentos de niños ou zonas con alta presenza de velutinas, así como para respectar a localización das trampas instaladas e non manipulalas.
O Concello de Irixoa continuará impulsando accións preventivas e de sensibilización para facer fronte a esta problemática que afecta cada ano a numerosos municipios galegos.