• 2025-08-19 11:44:04
    Emprego


    OBXECTO: Axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de «ampliación ou promoción», así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

    A orde conta con dúas liñas de axuda:

    Liña 1: subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto, para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e/ou de «ampliación ou promoción», dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

    Liña 2: subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1 E, C E, D, D1, D1 E.

    O período subvencionable para ambas as liñas será do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.

    PERSOAS BENEFICIARIAS:

    1. Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

    a) Ter 18 anos.
    b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (30 de outubro de 2024). As entidades adheridas poderán requirirlle á persoa interesada a xustificación deste feito mediante a xustificación oficial de empadroamento.
    c) Para seren persoas beneficiarias da liña 1, terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional.


    Deberán intentar superar o exame CAP e presentarse, no prazo dun ano desde o remate do curso, a un mínimo de catro convocatorias de exame, salvo que superen o dito exame nas convocatorias anteriores.

    d) Ter aboado o importe do curso e os custos de matrícula e as clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C e/ou D.
    e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11 e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.


    2. Para a liña 1, cada persoa beneficiaria só poderá obter unha vez a axuda, agás no suposto de que, tendo obtido o CAP para transporte de mercadorías ou de viaxeiros, pretenda optar á obtención do CAP para a outra actividade, respectivamente, mediante a superación da formación de «ampliación ou promoción», suposto en que tamén poderá obter esta segunda axuda por unha única vez.
    Para a liña 2, cada persoa beneficiaria poderá obter a axuda por cada un dos permisos de condución que obteña durante o período subvencionable.


    As persoas beneficiarias poderán obter as axudas das liñas 1 e 2 de xeito acumulativo.

    CONTÍA DAS AXUDAS:

    Para a liña 1, o importe máximo para percibir por cada alumno será de 1.200 euros para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP), e de 300 € para a obtención do CAP na modalidade de «ampliación ou promoción», para aqueles alumnos que xa teñan o certificado nunha categoría e que lles sirva para obtelo noutra categoría.

    Para a liña 2, a contía máxima para os custos de matrícula e clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C, C1, C E, D, D1, D1 E e/ou D E será de 1.200 €.

    PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:

    O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de outubro de 2025 e finalizará o 30 de outubro de 2025, ou cando se esgoten os fondos.

    INFORMA: 

    Orde do 28 de xullo de 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG nº 154 de data de 13/08/2025)