-
Programación do Nadal enOutes!2023-11-30 14:54:00Cultura
O tenente alcalde e concelleiro de festas, Anxo Núñez Fernández, presentou esta mañá a programación de Nadal do concello de Outes. Un programa amplo e diverso: teatro, cinema de Nadal, concertos, concurso de decoración de Nadal, cabalgata de reis e, por primeira vez, festa de acendido das luces de Nadal.
Un programa que comeza este sábado coa obra de teatro "O péndulo" e que rematará o 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata de reis.
Este ano, por vez primeira, o concello celebrará unha festa de acendido de luces de Nadal con música ao vivo. Terá lugar o vindeiro xoves, 7 de decembro, ás 19:00 horas na praza de Galicia. Contaremos con cantos de Nadal da man da agrupación Jaitas Blue. Tamén, por primeira vez, contaremos con dúas datas de cinema de Nadal.
Na decoración deste ano colaboraron entidades sociais como ADISBISMUR ou a Asociación A Misela as cales decorarán as rúas e espazos públicos do concello. Tamén colaboraron as alumnas do obradoiro de manualidades municipal que fixeron 50 coroas de Nadal co lema deste ano "Nadal enOutes!" que se repartirán aos distintos establecementos comerciais xunto con outras decoracións que tamén figurarán nos edificios municipais.
Como novidade, o concurso de decoración de Nadal deste ano contará con dúas categorías distintas: establecementos comerciais e particulares. As inscricións serán presenciais na casa do concello do 1 ao 22 de decembro.
En canto á decoración de Nadal, este ano apostouse por unha estratexia distinta de distribución dos elementos decorativos por todo o concello. Como elementos centrais contaremos na Praza de Galicia cun xardín efémero cheo de motivos de Nadal e unha estrela fugaz de 9 metros de alto por 12 de longo e que contará con 15.000 luces led. Tamén recuperaremos a tradición de colocar unha árbore de Nadal, nesta volta será cunha árbore de luces led de 8 metros de alto na praza do Bosque. Tamén contaremos con dous photocalls no Freixo e na Ponte Nafonso. Haberá iluminación e elementos decorativos nas diversas parroquias do concello.
O tenente alcalde aproveitou a ocasión para desexar unhas boas festas a toda a veciñanza e convidar aos cidadáns e visitantes a gozar de todos os actos culturais e públicos así como a facer consumo de proximidade no comercio local de Outes.
📺 Ver vídeo da presentación