• 2024-04-10 12:51:04
    Festas


    O tenente alcalde e concelleiro de cultura, Anxo Núñez Fernández, presentou o venres a 24ª Edición do Pampallín en Outes. Nesta edición, o concello aposta pola música ao vivo, profesional e en galego.

    Tres grupos potentes e de actualidade no panorama musical galego encherán o vindeiro 30 de abril, véspera de festivo, o escenario do festival na Praza de Galicia:
    • Mondra - "Folía das Ardentes"
    • The Rapants - "La máquina del buen rollo"
    • Lontreira - "Apnea"

    Os xéneros de electro-pop, electro tradicional, rock, indie e garage encherán a noite máxica do Pampallín.

    O concello ademais, fai unha aposta pola recuperación da tradición vencellada ao Pampallín que vai da man cos maios celebrados en toda Galicia e Europa para a bendición das labores agrícolas a través de ritos ancestrais. No caso do concello de Outes, isto materializábase na festividade do Pampallín no que a mocidade outense se xuntaba nas agras ao anoitecer para percorrer cun facho de palla ardendo os cultivos e chamar por unha colleita próspera e abundante:

    Pampallín, Pampallán
    Aluméame o meu pan
    Espigas coma carballos
    E grans coma bugallos
    Aí vén o trigo
    Aí vén o pan


    É por iso polo que está previsto celebrar un rito do lume no primeiro descanso da noite. Nas vindeiras datas anunciarase tamén, con máis detalle, un obradoiro para a preparación do mesmo e as diferentes colaboracións con entidades locais: Terra de Outes, CEIP Outes, IES Poeta Añón, ADISBISMUR e Protección Civil. Dende o concello tamén se valora positivamente a liña de axudas para festivais que presta a Deputación da Coruña e que se solicitou para o desenvolvemento do Pampallín.

    O 30 de abril comporase do Pampallín Miúdo a partires das 17:00 con inchables, xogos tradicionais e música para os máis cativos e coa noite grande a partires das 22:00 que comezará da man do pasarrúas de Latexo Percusión e continuará cos tres concertos.

    O concelleiro de cultura fai un chamamento a toda a veciñanza do concello, da ría e a todos os galegos e galegas a achegárense ao que será o evento musical do ano en Outes e unha noite para recordar.

    🖼️ Ver cartel

    🎞️ Ver vídeo da presentación do Pampallín 2024



    Adjuntos: