• 2020-12-01 11:05:31
    Cultura e Festas

    O deputado Guillermo Meijón asegura que “Nunca miramos un goberno máis comprometido en suprimir o paso a nivel no centro do Porriño”.

    “Podemos felicitarnos todos de que o proxecto de soterramento do tren polo Porriño, coa eliminación dese paso a nivel anacrónico, vai ser moi cedo unha realidade”, afirmou recentemente o deputado Guillermo Meijón nunha reunión de traballo coa alcaldesa e concelleiros do goberno municipal.

    Meijón Couselo xunto con Ángeles Marra, deputada e Marica Adrio, senadora, todos eles parlamentarios socialistas pola provincia de Pontevedra, mantiveron unha reunión de traballo con Eva García e os concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso a propósito do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021.

    Previamente acudiron ao paso a nivel onde comentaron as últimas novidades sobre a tramitación do proxecto. A redacción do mesmo adxudicouse por 854.603 € e deberá plantexar estudo de alternativas, proxecto básico e proxecto constructivo. Entre as alternativas figura a posibilidade de soterrar tamén a actual estación ferroviaria. O contrato formalizouse hai uns días polo ADIF coa ute formada polas empresas de enxeniería “GOC” e “Prointec”.

    En palabras do deputado Guillermo Meijón “nunca miraramos aun goberno tan convencido e comprometido para que este compromiso poida concretarse e de feito xa é un gran avance que se adxudicase o proxecto e que teña un prazo de entrega de 16 meses porque a partir de ahí damos por seguro que O Porriño por fin poderá liberarse dese paso a nivel”, manifestou o parlamentario pontevedrés.

    Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu que “esta visita trouxera tan boas novas sobre a intención e o compromiso do Goberno de España para acadar a eliminación do paso a nivel no centro do Porriño”. “Sei que nun futuro non moi lonxano veremos cómo será realidade”, engadiu Eva García.

    Antes de despedirse os parlamentarios recibiron como agasallo unha bola de pan do Porriño.




    Adjuntos: