-
A PROMOCIÓN DA CULTURA TRADICIONAL EN TOURO REFÓRZASE CO CONVENIO ENTRE CONCELLO E ASOCIACION A PINGUELA2025-06-18 20:28:19Cultura
O Concello de Touro destaca o labor que vén desenvolvendo a asociación cultural A Pinguela de Bama na dinamización da vida cultural e social do municipio, promovendo a igualdade e diversidade, a recuperación e difusión da cultura galega ou a formación musical e baile tradicionais.
Ao longo de todo o ano A Pinguela de Bama ten unha ampla oferta de formación musical e baile tradicionais, artes plásticas, obradoiros relacionados ca cultura tradicional do noso País e de recuperación de patrimonio inmaterial. O pasado mes de maio, A Pinguela organizou a VIII Morada de Bama coa colaboración do Concello de Touro; o encontro de referencia da cultura tradicional na primavera en Touro.
Nesta liña asináronse acordos de colaboración entre o goberno local e asociación que se traducirán en axudas e subvencións do Concello á asociación a Pinguela por máis de 14.500 euros para este ano 2025, dando estabilidade económica á Asociación para desenvolver ás actividades.
Desta colaboración entre Concello e Asociación tamén se beneficiarán as Comisións de Festas do concello que poderán contratar actuacións da Pinguela de Bama a prezos reducidos (de 250 euros ou 600 euros, dependendo do tipo de formación musical, cuarteto ou formación completa) aos que o Concello achegará 150 euros ou 200 euros por cada actuación. Preténdese con este acordo o fomento da música tradicional nas festas parroquiais.