• 2025-09-10 11:08:43
    Servizos Sociais

    O Concello de Touro quere expresar o seu apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levan anos reclamando a actualización dun convenio que non reflicte o valor real do seu labor.

    As traballadoras realizarán xornadas de folga os días 10 e 11 de setembro (esta semana) e os días 24 e 25 de setembro, convocadas pola CIG. O Concello de Touro manifesta o seu apoio ás demandas das traballadoras.

    No noso municipio, grazas ás melloras impulsadas polo actual grupo de goberno e polo concelleiro non adscrito Darío Rey, a través de emendas aos pregos, conseguiuse no último concurso público unha suba do 4%, que sitúa as condicións salariais por riba do convenio e nunha referencia a nivel galego. Esta emenda á proposta do goberno de Movemento Veciñal e do Partido Galego (que non contemplaba puntuar as melloras ás traballadoras) contou co apoio do BNG.

    Do mesmo xeito, o goberno municipal traballa para mellorar tamén as condicións das persoas usuarias do servizo, reforzando a atención que reciben. Nas vindeiras semanas, todos os usuarios de axuda no fogar recibirán unha carta informativa no seu domicilio explicando o procedemento para acceder a servizos complementarios como fisioterapia, psicoloxía e outros apoios destinados a mellorar o benestar das persoas maiores e dependentes.

    O goberno municipal comprométese a seguir estudando novas melloras e avanza que, nos vindeiros meses, encargará un informe económico para avaliar a viabilidade de municipalizar o servizo. Mentres tanto, traballará na elaboración de pregos que melloren as condicións das traballadoras e dos usuarios, garantindo un servizo máis digno e de calidade para toda a veciñanza.



    Adjuntos: