• 2025-10-07 21:15:01
    Desenvolvemento Local

    A Deputación da Coruña presentou onte MercaNaVila, unha iniciativa dotada dun investimento de 6 millóns de euros dirixida a fortalecer o pequeno comercio nos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes, como o concello de Touro.


    Ten como obxectivo dinamizar o tecido comercial nas localidades máis pequenas, revitalizando os comercios que teñen dificultades para ser competitivos, se ben a beneficiaria é toda a veciñanza que poderá desfrutar dos descontos con independencia do lugar onde resida.



    Queres saber como funciona? MercaNaVila permitirá ás persoas consumidoras acceder ata 100 euros en descontos directos, aplicables en establecementos adheridos, que variarán entre 5 e 15 euros por compra, dependendo do importe da mesma, o que supón un alivio para as persoas consumidoras e un impulso directo para os comercios locais.



    Estes incentivos estarán dispoñibles desde o 20 de outubro ata o 20 de novembro de 2025 ou ata que se esgote o crédito dispoñible.

     Con esta acción, a Deputación reafirma o seu compromiso co tecido económico local e busca estimular a actividade comercial nas vilas da provincia, apoiando tanto aos negocios como ás persoas consumidoras. 
    Como se poden adherir os comercios e a clientela? Toda a información no enlace: https://mercanavila.gal/