• 2026-01-14 20:12:59
    Desenvolvemento Local

    O Concello de Touro informa de que a Xunta de Galicia pon en marcha dúas liñas de axudas para a mellora de vivendas no rural.

    Por un lado, xa publicou onte, 13 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia (DOGA), a liña de axudas de rehabilitación de vivendas no rural. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio ao financiamento ás obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación que se realicen en vivendas sitas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes, así como ás actuacións dirixidas ao cambio de uso de locais e entreplantas situados nos mesmos, para destinalos a residencia habitual e permanente das persoas propietarias e/ou usufrutuarias ou a alugueiro. Toda a información no DOGA. Compartimos enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260113/AnuncioC3Q2-080126-0005_es.html

    E por outro lado, a Xunta lanzará a convocatoria de subvencións destinadas a particulares para mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutros bens. As axudas permitirán subvencionar ata un máximo de 3.000 euros por solicitante, para actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche —as intervencións máis habituais— así como para a retirada de elementos anexos que deterioren a imaxe dos inmobles. A Xunta asumirá ata o 70% do custo subvencionable. 
    Será este próximo venres 16 de xaneiro cando a Xunta publique a convocatoria desta liña de incentivos. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de febreiro de 2026.



    Adjuntos: