-
POSTA A PUNTO DA PISCINA MUNICIPAL DE TOURO2026-06-11 19:05:53ConcelloO Goberno Municipal continúa coa posta a punto da piscina para a tempada de verán.
Durante o último mes, o Goberno Municipal vén acometendo diferentes traballos de mellora e mantemento nas instalacións da piscina co obxectivo de que estean nas mellores condicións posibles de cara á tempada estival.
Entre as actuacións realizadas, e coa axuda de medios técnicos especializados, detectáronse varias fugas de auga que estaban a provocar a perda de miles de litros diarios, tanto no vaso da piscina como nalgunhas instalacións auxiliares. Estas incidencias xa foron reparadas, permitindo un uso máis eficiente e sostible dun recurso tan valioso como a auga.
Ademais, tamén se levou a cabo o encintado e reparación de distintas zonas do vaso da piscina que presentaban deterioro, consecuencia da falta dun mantemento adecuado durante varios anos. Paralelamente, realizouse unha revisión xeral das instalacións, que estarán listas en breve para recibir aos usuarios e usuarias con todas as garantías.
Por outra banda, as actuacións de mellora integral previstas para o complexo, así como a construción da nova piscina infantil, aprazaranse ata o vindeiro mes de setembro. Esta decisión responde á vontade de non interferir no desenvolvemento normal da campaña de verán e permitir que a veciñanza poida gozar das instalacións durante os meses de maior uso.
Deste xeito, compatibilízase o desfrute da piscina por parte da cidadanía coa necesaria modernización das instalacións, garantindo ao mesmo tempo un uso responsable da auga e evitando desperdicios nun contexto no que a eficiencia e o aforro deste recurso resultan fundamentais.


