• 2026-06-18 18:57:38
    Concello

    O Concello de Touro quere expresar a súa máis firme condena ante os actos vandálicos rexistrados esta semana nas instalacións da piscina municipal.

    Uns individuos accederon de maneira ilícita ao recinto e causaron importantes danos mediante a realización de grafitis en boa parte das instalacións. Ademais, procederon á apertura dos sistemas da piscina, provocando o baleirado dunha gran cantidade de litros de auga.

    Trátase dun comportamento absolutamente irresponsable e incívico que non só supón un prexuízo económico para as arcas municipais e, por extensión, para toda a veciñanza, senón que resulta especialmente grave ao producirse nun momento no que a auga é un recurso esencial e cada vez máis escaso, que require do compromiso e da responsabilidade de todos e todas para a súa conservación.

    Desde o Concello queremos trasladar o noso rexeitamento máis contundente a este tipo de actuacións, que atentan contra o patrimonio público e contra o esforzo colectivo que se realiza para manter en condicións os servizos e instalacións municipais.

    Así mesmo, informamos de que se presentará a correspondente denuncia ante a Garda Civil co obxectivo de esclarecer os feitos e identificar ás persoas responsables. Do mesmo xeito, o Concello reforzará as medidas de seguridade e vixilancia nas instalacións municipais para evitar que sucesos semellantes volvan producirse no futuro.

    Facemos un chamamento á colaboración cidadá e solicitamos que calquera persoa que poida dispoñer de información relevante sobre estes feitos a poña en coñecemento das autoridades competentes.

    O respecto polos bens públicos é unha responsabilidade compartida. Só desde o compromiso colectivo poderemos preservar e mellorar os espazos que son de todos e todas.

    Concello de Touro



    Adjuntos: