• 2026-08-02 18:34:23
    Cultura e Turismo

    O Concello de Touro continúa apostando pola dinamización cultural e musical do municipio coa posta en marcha de Noites no Ulla, a edición de verán do xa consolidado Ulla Fest, que terá lugar o vindeiro venres 7 de agosto na área recreativa de Remesquide, nun enclave natural privilexiado á beira do río Ulla.


    Tras o éxito acadado por Ulla Fest nas súas anteriores edicións, o festival medra cun novo formato estival que nace co obxectivo de ofrecer unha proposta musical de calidade durante o verán, mantendo a súa aposta polo talento galego e polas músicas urbanas.



    O cartel desta primeira edición de Noites no Ulla estará formado por Lil Sam, Silee, Xián Pais, Alddara e Sote, ademais dalgún artista convidado, configurando unha programación pensada para todos os públicos. A música comezará ás 20:30 e prolongarase ata as 02:30 horas, convertendo a contorna de Remesquide nun punto de encontro para veciños e visitantes.



    A entrada será gratuíta, permitindo que todas as persoas poidan gozar dunha noite de música en directo nun espazo natural único como é a ribeira do río Ulla.


    Desde o Concello de Touro convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Remesquide para desfrutar dunha noite de música, convivencia e lecer, nun evento que nace coa vocación de consolidarse como unha das grandes citas culturais do verán no municipio.



    Adjuntos: