• 2026-08-13 15:36:16
    Cultura e Turismo

    Máis de 600 persoas achegáronse ata o Coto de San Sebastián para vivir unha xornada verdadeiramente extraordinaria e presenciar desde este enclave privilexiado o eclipse solar.

    O Coto de San Sebastián converteuse así nun dos grandes puntos de referencia da comarca de Santiago para contemplar este fenómeno astronómico, grazas tamén ás súas excepcionais vistas sobre o territorio, co Pico Sacro, Lavacolla e as serras do Farelo, Candán e Barbanza como parte da súa impresionante panorámica.

    O Concello de Touro despregou un dispositivo especial de transporte, con tres minibuses, para facilitar o acceso das persoas asistentes ao miradoiro. Repartíronse gafas homologadas e despregouse un dispositivo de seguridade coa colaboración da agrupación de protección civil de Touro.

    A programación combinou a observación do eclipse coa divulgación do importante patrimonio arqueolóxico e natural deste espazo. O Coto conserva os vestixios dun castro da Idade do Ferro e forma parte dun conxunto histórico no que tamén destaca a antiga Capela de San Sebastián. Nas inmediacións atópase, ademais, o Campamento Romano do Castrillón, outro dos grandes elementos patrimoniais deste territorio.

    A xornada permitiu tamén avanzar na divulgación dun espazo que o Concello quere seguir poñendo en valor. En breve acometeranse traballos arqueolóxicos para poñer en valor  a antiga capela situada no Coto de San Sebastián, ao tempo que se impulsarán actuacións para a posta en valor do Campamento Romano do Castrillón, reforzando a conexión entre patrimonio, paisaxe, investigación e turismo.

    A música puxo o broche de ouro á xornada coa actuación de Andrea & The Black Cats, formación vinculada ao blues e soul, que achegou a súa música a un escenario tan singular.

    Foi, sen dúbida, unha xornada espectacular, para o recordo e difícil de repetir. Centos de persoas, un enclave único, patrimonio, paisaxe, música e un fenómeno astronómico extraordinario.



    Adjuntos: