• 2026-09-07 10:25:24
    Cultura e Turismo

    A Oficina Municipal de Turismo de Touro atendeu ó redor de 500 persoas dende que o pasado 14 de xuño cando se reactivou o servizo de Turismo. As cifras recollidas amosan o importante peso do turismo internacional, xa que os turistas estranxeiros foron os principais usuarios da oficina. Países Baixos, Bélxica e Alemaña son os principais lugares de procedencia, aínda que tamén se rexistraron visitas procedentes doutros países europeos coma Suiza e Italia. Tamén hai presenza de visitantes doutros países coma Estados Unidos e Taiwan.

    Estes visitantes estranxeiros son peregrinos en bicicleta que escollen a Eurovelo 3, coñecida coma a Ruta dos Peregrinos, para chegar a Santiago de Compostela, normalmente partindo dende os seus fogares. As súas demandas habituais son informacións de carácter práctico sobre diferentes servizos coma o de hostalería ou o selado de credenciais.

    Por outra banda, o turismo nacional escolle os meses de xullo e agosto principalmente, procedendo na súa maioría de Madrid, Cataluña e doutras localidades galegas. Estes visitantes, soen escoller Touro para aloxarse varios días e demandan información sobre os roteiros de sendeirismo e recursos que poden visitar no concello e na súa contorna.

    A tempada forte aínda non rematou. É máis, a tendencia dos últimos anos é que no mes de setembro teñamos cifras moi similares de peregrinos, xa que prefiren vir cando a calor é menor e hai unha menor afluencia de visitantes.

    Dentro das próximas actividades animamos a inscribirse no programa de rutas de sendeirismo Goza do Ulla, que o próximo sábado 12 de setembro chegará a Touro e a Vila de Cruces coa ruta de “As dúas beiras do Ulla” cun percorrido de 10 quilómetros con dificultade media. Tamén está prevista unha nova edición de “Touro oculto: un patrimonio por descubrir”, tralo éxito da primeira edición celebrada o ano pasado. A estas actividades sumaranse novas propostas coma un concurso de fotografías antigas, que permitirá por en valor a historia local.



    Adjuntos: