• 2026-10-21 12:59:41
    Servizos Sociais

    O Concello de Touro contará coa súa primeira Casa do Maior, un novo recurso de proximidade destinado a mellorar a atención e a calidade de vida das persoas maiores do municipio, favorecer que poidan permanecer no seu contorno habitual e ofrecer apoio ás familias coidadoras. A iniciativa é froito do acordo e do traballo conxunto entre Darío Rey e o grupo liderado polo alcalde, Jesús Reboredo, que continúan impulsando medidas para ampliar os servizos sociais e mellorar a atención á veciñanza.

    A Casa do Maior estará situada na parroquia de Vilar, nos baixos da vivenda social, concretamente no local que ata o de agora se utilizaba como espazo para a celebración das votacións electorais.

    Cinco prazas de atención personalizada

    As Casas do Maior son recursos de atención diúrna promovidos no marco do programa da Xunta de Galicia, pensados especialmente para os concellos rurais que non dispoñen dun centro de día. Cada establecemento conta cun máximo de cinco prazas, o que permite ofrecer unha atención próxima, individualizada e adaptada ás necesidades das persoas usuarias.

    O servizo está dirixido, con carácter xeral, a persoas maiores de 60 anos que cumpran os requisitos establecidos na normativa vixente. A atención poderá prestarse ata un máximo de oito horas diarias, de luns a venres. Entre as prestacións inclúense o acompañamento, o apoio nas actividades da vida diaria e o desenvolvemento de actividades de lecer, convivencia, envellecemento activo e estimulación cognitiva. Ademais, o recurso contempla a manutención das persoas usuarias e poderá contar con transporte para facilitar os seus desprazamentos, de acordo coas condicións establecidas para esta modalidade de
    atención.

    A Casa do Maior constitúe unha alternativa de proximidade para que as persoas maiores poidan recibir atención durante o día sen ter que abandonar a súa contorna habitual. As obras executaranse nos próximos meses.

    A subvención necesaria para impulsar este proxecto acaba de ser concedida, polo que nos próximos meses se levarán a cabo as obras e adaptacións necesarias no local para acondicionalo como Casa do Maior. O Concello comunicará oportunamente os prazos e o procedemento para solicitar as prazas, así como os requisitos de acceso e o resto da información práctica, unha vez que se avance na preparación e posta en marcha do servizo.

    Máis servizos sociais para o rural

    A creación desta primeira Casa do Maior supón un paso importante para reforzar os servizos de atención ás persoas maiores e avanzar cara a un modelo de coidados de proximidade, especialmente necesario nun municipio rural como Touro.

    Darío Rey e o grupo liderado polo alcalde, Jesús Reboredo, continúan traballando para que iniciativas deste tipo poidan estenderse a outras zonas do municipio, contando coa colaboración e a implicación de persoas emprendedoras locais interesadas en desenvolver proxectos de atención ás persoas maiores. Do mesmo xeito, continúase traballando para facer realidade un centro de día na capital municipal, un proxecto co que se pretende ampliar os recursos dispoñibles e dar resposta ás necesidades das persoas maiores e das súas familias. O obxectivo é avanzar na súa materialización antes de que remate a presente lexislatura.

    Con estas iniciativas, búscase reforzar a atención social, favorecer a autonomía persoal e contribuír a que as persoas maiores poidan seguir vivindo nas súas parroquias coa maior calidade de vida posible.



    Adjuntos: