30-Junio-2026 12:41
A Orde da Consellería do Medio Rural do 3 de xuño de 2026 regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260629/AnuncioG0426-230626-0004_gl.html
Autorización con limitacións de uso de maquinaria
1. Durante a época de perigo alto de incendio forestal, cando o IRDI (Índice de Riesgo Diario de Incendio Forestal) acade os niveis de moi alto ou extremo, autorízase a realización de traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran o emprego de maquinaria agrícola ou forestal dentro
dos terreos forestais e das súas zonas de influencia dos concellos afectados, nos termos e coas recomendacións establecidos no Pladiga 2026.
2. Na franxa horaria das 12.00 ás 18.00 horas, esta autorización quedará condicionada ao cumprimento dos requisitos establecidos no número 3.
3. Para o desenvolvemento dos devanditos traballos e actividades, será obrigatoria a dispoñibilidade inmediata dos seguintes medios persoais e materiais de extinción:
a) Medios persoais: unha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través das liñas telefónicas 085 ou 112 ou da aplicación móbil Alume.
b) Medios materiais: un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga dunha capacidade non inferior a 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
En todo caso, o cumprimento destas medidas preventivas e das condicións establecidas pola normativa vixente non exime das responsabilidades que poidan derivar da provocación dun incendio forestal.