Pazos de Borbén Informa
Entregaranse dúas unidades por persoa a partir deste luns O Concello de Pazos de Borbén recibiu o pedido de máscaras que tramitou hai semanas e comezará a distribuílas entre a poboación a partir de mañá. As máscaras que se repartirán son as coñecidas como cirúrxicas e contan coas homologacións pertinentes. Desde o Concello garanten a subministración a todos os veciños e, para asegurarse que todas as unidades van ser utilizadas, farase unha repartición individualizada casa por casa e entregaranse en persoa a cada veciño. As unidades entregaranse completamente desinfectadas e embolsadas para evitar calquera tipo de contaminación no proceso de entrega. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou a complexidade do proceso de adquisición das máscaras “nun mercado tolo e impredicible. Contactamos con decenas de provedores hai semanas e contar cunha data de entrega fiable era imposible. Por sorte xa están aquí e os nosos veciños estarán máis protexidos”. Pola súa banda, a edil de Servizos Sociais, Eloisa Nogueira, indicou que con este pedido poderanse atender as necesidades máis inmediatas de toda a poboación. “Ata o de agora só contabamos co material sanitario que nos chegaba a través da Xunta de Galicia, polo que só podiamos atender as necesidades dos grupos de risco e dos servizos municipais esenciais. Agora asegurámonos que cada veciño estea protexido”, explicou a edil, que aconsellou “seguir aplicando todos os consellos das autoridades sanitarias”.

Archivos adjuntos:
Noticias 25-Abril-2020 11:42