Pazos de Borbén Informa
O Concello de Pazos de Borbén acaba de recibir o pedido de 3000 pantallas protectoras para repartir unha a cada veciño do municipio, priorizando aos traballadores autónomos e de pequenas empresas. O alcalde, acompañado polo equipo de goberno, comezou a preparar os lotes para comezar a distribuílos a partir deste luns e que a poboación poida mellorar as súas condicións de seguridade ante o comezo da desescalada. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, explicou que este pedido realizouse hai varias semanas, pero ante a escaseza de material de protección e a prioridade de abastecemento para os servizos sanitarios, a entrega das pantallas protectoras atrasouse ata este venres. “A nosa intención era repartilas antes, pero entendemos que o persoal sanitario necesitábaas máis. Polo menos xa están listas para que os veciños poidan empezar a saír esta semana de forma segura”, indicou Iglesias. Estas máscaras de protección facial están fabricadas cun material de alta calidade chamado apet, utilizado nos produtos sanitarios, que permite unha óptima visión. Ademais, contan cun sistema de fixado mediante gomas para facilitar ao máximo o seu axuste, mellorando así a capacidade de protección da pantalla. Do mesmo xeito, o rexedor destacou que estas pantallas servirán para aumentar a seguridade dos autónomos e traballadores do municipio que aínda non se reincorporaron aos seus postos de traballo, “axudaralles a estar protexidos cando o goberno permita que se renove a súa actividade laboral nas próximas semanas”, explicou Iglesias. Por último, segundo indicou o alcalde, ao ser Pazos de Borbén un municipio con menos de 5.000 habitantes, non existen horarios específicos para a saída de persoas maiores e prácticas deportivas, “isto dános unha flexibilidade que axudará moito a que os veciños poidan comezar a saír cando o precisen, podendo compatibilizar as saídas cos seus traballos, co coidado dos menores e coas necesidades das persoas maiores”. Pola súa banda, a edil de servizos sociais, Eloisa Nogueira, indicou que “todas as proteccións son poucas e que o máis importante é coidar aos nosos veciños. De todos os xeitos, non se pode baixar a garda e debemos seguir atendendo ás recomendacións dos sanitarios e gardar sempre a distancia de seguridade”.

Archivos adjuntos:
Noticias 03-Mayo-2020 00:17