Pazos de Borbén Informa
PAZOS DE BORBÉN SÚMASE Á MAIORÍA DE CONCELLOS DA PROVINCIA E OPTA POR NON ABRIR AS SÚAS PISCINAS ESTE VERÁN O Concello de Pazos de Borbén ven de anunciar, seguindo a argumentación da maioría de concellos da provincia, que non abrirá as súas piscinas municipais este verán. Dende o goberno local argumentan esta decisión, “na que a seguridade dos veciños primou por enriba de todos os demais argumentos”, tras realizar un estudo das condicións hixiénico-sanitarias impostas para a apertura que, segundo explicou o alcalde, Andrés Iglesias, “para os concellos pequenos, e con pequenas instalacións, son imposibles de cumprir”. Do mesmo xeito, o edil explicou que “a piscina é un dos servizos municipais máis populares durante o verán, punto de encontro de veciños de todas as idades e visitantes de distintos lugares. Pero agora mesmo son estas bondades as que fan que as piscinas sexan potenciais focos de contaxio, e iso é algo que non podemos permitir. Por encima de todo está a saúde dos veciños”. Para rematar, o alcalde destacou que “cumprindo co distanciamento social e coas demais normas, redúcese tanto o aforo que habería que establecer limitacións e medidas que farían imposible cumprir o concepto de universalidade o que debe dar resposta todo servizo público”.

Archivos adjuntos:
Noticias 18-Junio-2020 13:39