Pazos de Borbén Informa
Desde BIBLIOPAZOS sumámonos outro ano máis aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebra en todo o mundo cada 2 de abril e que, en España, promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (Internacional Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) e a Asociación de Literatura Infantil e Juvenil Galtzagorri Elkartea.

Dende 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promocionar e fomentar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do DÍA DO LIBRO INFANTIL. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

Neste ano 2021, o a sección encargada foi a de Estados Unidos (USBBY); a mensaxe é unha creación da escritora Margarita Engle (co título de "A música das palabras") e o cartaz é autoría de Roger Mello.

Se queres descargar o cartaz, a mensaxe e a información dos autores dos mesmos fai clic nos seguintes enlaces:

Descarga do cartaz.
Descarga da mensaxe.
Descarga da información dos autores.

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2021

Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.

As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!

As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.

Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.

Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía
de esperanza.
(Tradución de María Canosa)

ANIMÁDEVOS A CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL



Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 30-Marzo-2021 08:10