Pazos de Borbén Informa
Estamos xa rematando o ano 2021 e queremos facelo como sabemos, organizando actividades de promoción, difusión e dinamización da lingua galega e seguir animando á lectura aos escolares do concello a través de contos e historias en galego para que estas actividades se convertan nun hábito entre os veciños do municipio, e en especial na poboación infantil e xuvenil.

Nesta ocasión presentamos "ASTROLABIOS", un espectáculo cósmico de narración oral para toda a familia a cargo da filóloga, dramaturga, guionista, escritora e contadora CARMEN CONDE de TARABELA CREATIVA que terá lugar o próximo Venres 10 de decembro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.

“Astrolabio”
 é unha palabra que vén do grego e que significa “buscador de estrelas”. É un aparello que se inventou no século II a. C. Porque a curiosidade polo firmamento comezou na Humanidade nin se sabe cando!

Nesta sesión de contos imos facer un percorrido para coñecer as estrelas dende as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra.

Grazas a elas saberemos onde queda o norte, tamén o Ecuador, cal é a estrela máis brillante do ceo, aprenderemos sobre algún planeta, veremos o lado feminino do universo a través de antigas deusas. Entenderemos as fases da lúa, como se forman os eclipses, e que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas.

Para contar estas historias, atravesaremos o deserto de Namibia, os pobos maia e azteca, viaxaremos ata os aborixes australianos, ata os indios americanos, pasaremos por Arabia, polo antigo Exipto, polos nosos celtas, cruzaremos a China ata a tribo dos Batammalibas, en África. É dicir, daremos a volta ao mundo para coñecer parte do ceo!

Unha hora de duración que terá nos asistentes ao espectáculo un efecto cósmico.

Nesta ocasión están convidados a este evento os escolares de 3º e 4º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para asistir a esta actividade é obrigatoria a inscrición previa na Biblioteca chamando ao teléfono 
986 497 273.

Máis información sobre a programación da Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273 no noso horario habitual de apertura ou enviando un correo electrónico á dirección biblioteca@pazosdeborben.org.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.



Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 30-Noviembre-2021 08:30