Pazos de Borbén Informa

Outro ano máis a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos súmase aos actos para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra en todo o mundo o día 2 de abril de cada ano desde que o IBBY (International Board on Books for Young People) promoveu por primeira vez en 1967 ese día coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, e co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

En España promove esta conmemoración a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) e a Asociación de Literatura Infantil e Juvenil Galtzagorri Elkartea.


Como símbolo de unión entre os pobos do mundo, cada ano un país membro do IBBY recibe a encomenda de patrocinar a celebración; e este ano o país encargado é Canadá que escolleu a Richard Van Camp para escribir a mensaxe e á ilustradora Julie Flett para elaborar o cartel que inspiren en todos os nenos e nenas do mundo o amor pola lectura e os libros.



Se queredes descargar o cartel e o díptico coa mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil nos catro idiomas (Castelán, Galego, Catalán e Euskera) podes facer clic AQUÍ.

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2022
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día.

Ler é liberdade. Ler é respirar.
Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.

Ler permítelle ao teu espírito soñar.

Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.

A plenitude do teu universo só medra cando les.

As historias son as que non axudan a remontar o voo acada día, xa que logo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.

As historias son menciña. Curan. Reconfortan.

Inspiran. Ensinan.

Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.

Mahsi cho. Moitas grazas.


RICHAR VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO


Nos próximos días informaremos das actividades que realizaremos para conmemorar este importantísimo DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL.


Animádevos a participar e a conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL



Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 02-Abril-2022 15:59