Pazos de Borbén Informa
O próximo Venres 16 de setembro a partir das 13:00 horas teremos en Pazos de Borbén a PACO CERDEIRA “PAKOLAS” co seu espectáculo musical “RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO” baseado no seu Libro-CD editado na colección Sonárbore pola Editorial Galaxia.

Con este espectáculo conmemoraremos a chegada do EQUINOCCIO DE OUTONO e o inicio do curso escolar 2022/2023.

Están convidados a participar nesta actividade os escolares de 1º a 6º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

Neste espectáculo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

Así, a través das cancións e a narración, imos saltando a diferentes épocas, Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume; visita a Leonardo da Vinci no Renacemento; acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés ao que lle cheiran os pés; ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc; todo ata chegar a Benvidas do futuro na que cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.

Moitas personaxes poderedes atopar neste libro-disco, con historias das que APRENDER e GOZAR a ritmo moi rockeiro.

Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA


Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 09-Septiembre-2022 08:05