Pazos de Borbén Informa
BANDO
Andrés Iglesias Rodríguez, Alcalde do Concello de Pazos de Borbén FAI SABER
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ten como un dos seus obxectivos actualizar o réxime xurídico da loita contra os incendios no medio rural, integrando nel a prevención e a extinción, ademais da protección da poboación, das infraestruturas e das instalacións agrarias.
A planificación preventiva pasa a ser un elemento estrutural fundamental deste sistema, que se asenta na actuación concertada de todas as administracións actuantes no ámbito da defensa contra os incendios forestais.
Nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas responsables xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, como o eucalipto ou varias variedades de pino, entre outras. Estes requisitos deberán cumprirse antes de que remate o mes de maio de cada ano.
En virtude do que antecede, comunícase aos responsables de xestión que dispoñen ata o 31 de maio para o cumprimento voluntario da súa obriga para xestionar a biomasa nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas.
En caso de incumprimento transcorrido o devandito prazo, o concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas no artigo 22.2 da precitada Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda. A persoa titular do terreo ou do dereito de aproveitamento terá a obriga legal de facilitar o necesario acceso para a realización dos traballos de xestión de biomasa e retirada das especies arbóreas prohibidas. O suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais contemplados legalmente.
No caso de proceder a execución subsidiaria, o Concello procederá á liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, unha vez transcorrido o prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso.
En caso de incumprimento poderá iniciarase tamén o correspondente procedemento sancionador:
a) Administración competente para sancionar (artigo 54 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia):
– A competencia será municipal nos supostos de incumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e de retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa e arredor das novas instalacións, urbanizacións e edificacións, sempre que se atopen en solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural.
– A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en todos os demais casos (solo rústico).
b) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia).
c) Contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer: 1.000,00 € (artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia).
d) Procederase ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas.
Para máis información pode contactar coas oficinas municipais. O que se fai público para xeral coñecemento.




Archivos adjuntos:
Info Xeral 19-Mayo-2022 09:34