Pazos de Borbén Informa
Continuamos coas as actividades cultural-educativas de animación á lectura neste mes de Xuño, cunha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegará aos asistentes á mesma a figura do homenaxeado do Día das Letras Galegas 2022, o poeta nacido en Córgomo-Vilamartín de Valdeorras (Ourense) FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, como exemplo de amor á Terra e do mantemento da loita polas ideas, mesmo nas peores circunstancias.

Será a través da peza “DE VALDEORRAS A MÉXICO. Terra a Nosa!” unha proposta da compañía “POLO CORREO DO VENTO” na que se alternará a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas e asistentes en xeral, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás idades dos asistentes e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán.


A levarán a cabo Carlos Taboada e Enrique Mauricio de “POLO CORREO DO VENTO” o DÍA 8 DE XUÑO próximo a partir das 13:00 HORAS NO AUDITORIO DO CONCELLO e están convidados a asistir a este evento o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos; os usuarios da Asociación ASPAVI, e todos aqueles veciños e veciñas que se inscriban previamente chamando ao teléfono 986 497 273 da Biblioteca.

Esta actividade está patrocinada e financiada polo Departamento de Lingua e Memoria Histórica da Deputación Provincial de Pontevedra.


EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA


Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 01-Junio-2022 08:05