Pazos de Borbén Informa
Continuaremos coas actividades o Venres 2 de decembro ás 13:00 horas coa Compañía Internacional de Títeres “TANXARINA” formada por Eduardo Cunha “Tatán” , Miguel Borines e Andrés Giráldez que nos traerá o seu espectáculo “AS BOMBAS E O XENERAL”un espectáculo onde recrean con siluetas animadas, música e actores a historia dun Xeneral que quere organizar unha guerra e para iso conta cun arsenal de bombas atómicas. Os átomos saben das intencións do militar e deciden fuxir a un lugar mellor. O Xeneral verá frustradas as súas intencións.

Un espectáculo de total actualidade para concienciar aos máis pequenos dos danos que provocan as guerras e as súas consecuencias. Un final amable para unha situación de conflito onde tamén presentamos os efectos devastadores dun combate militar.

Esta actividade forma parte do programa “Tornar ás táboas” da Deputación Provincial, un programa que naceu no ano 2021 como unha declaración de vontade e ánimo para que o teatro retomara a súa actividade nos escenarios de auditorios, teatros e centros culturais da provincia; unha chamada á volta ao lugar de orixe e ao traballo, aos espazos de lecer e emoción, un cambio de dirección e mentalidade tras esta longa temporada de incerteza, dentro desa guía de aviventar a cultura que encabeza todas as propostas este ano, cunha firme intención no seu propio significado de coidado e protección de todo o que vaia acontecer no seu interior.

Este ano 2022 o programa creceu e ampliou o seu orzamento, aumentando funcións e consolidando a súa aposta por apoiar as nosas compañías, garantindo o acceso á programación cultural en cada recuncho da provincia coa pretensión de que o noso territorio goce do teatro e reactive os seus auditorios e salas, que despois do baleiro provocado pola pandemia están a vivir un retorno dos sorrisos, das emocións e do goce coa cultura.

Esta segunda edición de “Tornar ás táboas” levará 47 espectáculos á escena este outono entre o 23 de setembro e o 18 de decembro; entre eles este que presentamos este Venres 2 de decembro en Pazos de Borbén.

Ademais queremos aproveitar a ocasión da realización desta actividade para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL que se celebra en todo o mundo o 3 de decembro de cada ano co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida nun día que mobiliza apoio para cuestións críticas relacionadas coa inclusión de persoas con diversidade funcional, promove a reflexión sobre cuestións de diversidade funcional e chama a atención sobre os beneficios dunha sociedade inclusiva e accesible para todos.

Nese día aléntase ás axencias da ONU, ás organizacións da sociedade civil, ás institucións académicas e ao sector privado, a colaborar con organizacións que dan soporte a persoas con diversidade funcional na organización de eventos e actividades.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.



Archivos adjuntos:
Cultura e Ocio 30-Noviembre-2022 08:00