Pazos de Borbén Informa
O Sergas investirá 148.000 euros na reforma e ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou onte o centro de saúde de Pazos de Borbén para presentar o proxecto de reforma e ampliación desta infraestrutura sanitaria, na que o Servizo Galego de Saúde ten previsto investir 148.000 euros.

A reforma proposta dotará ao centro de saúde dos espazos necesarios para un mellora da atención, tales como unha sala polivalente, unha nova sala de espera para pacientes pediátricos, a adaptación dos espazos e consultas existentes á normativa vixente, dotándoas de comunicación interior entre elas, e a obtención de espazos de servizos e almacéns, entre outras dependencias. Deste xeito, a superficie útil actual de 112 metros cadrados pasa a ser, coa reforma e ampliación, de preto de 190.

Unha vez concluídos os traballos previstos, o edificio contará cos seguintes espazos: consulta de medicina xeral, sala de enfermería, sala polivalente, consulta de pediatría-matrona, sala de espera pediátrica, almacén, vestiario e aseos, así como rampa accesible dende o exterior ata a zona de entrada da edificación.

Para todo o anterior, e con vistas a mellorar as condicións do centro e dar resposta ás esixencias de accesibilidade da veciñanza, prevese una reestruturación do conxunto, que facilite a diferenciación de zonas segundo o uso, e dote dos espazos principais e accesorios que garantan o bo funcionamento.

A nova edificación resultante respecta as características da edificación orixinal, acadando unha imaxe unitaria do conxunto mediante a conservación das fachadas e a reforma e unificación da cuberta.

Dende este mércores o proxecto da reforma e ampliaciòn do Centro de Saúde estará exposto no Concello.