• 2020-05-07 12:44:43
    Concello

    Coa fin de coordinar a normativa ditada na Comunidade Autónoma de Galicia coas disposicións ditadas pola autoridade competente delegada segundo o previsto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, cómpre adaptar a Orde do 23 de marzo no relativo ao desenvolvemento da actividade agrícola non profesional á Orde SND/381/2020, do 30 de abril, do Ministerio de Sanidade, modifícase de novo o artigo 4 da Orde do 23 de marzo, quedando coa seguinte redacción:
    As persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais e, polo tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria poderán realizar os desprazamentos para o mantemento e atención dos ditos cultivos e viñas, sempre que o desprazamento se realice dentro do mesmo termo municipal en que teñan o seu domicilio, ou noutro adxacente a este, conforme o previsto no artigo 7.1.a) do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo; non obstante, o requisito de proximidade poderá exceptuarse en situación de necesidade nos termos establecidos no artigo 1.2.b) da Orde SND/381/2020, do 30 de abril, do Ministerio de Sanidade.
    O desenvolvemento dos ditos traballos realizarase de forma individual, salvo que se acompañen persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada, e polo tempo indispensable, e deberanse en todo momento respectar as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.
    As persoas que teñan cultivos ou viñas de autoconsumo deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que levan a cabo os ditos cultivos, incluíndo a identificación da parcela e o tipo de cultivos que realiza.
    No caso de que sexa necesario polo tipo de traballos ou cultivos, ou por calquera outra causa xustificada, contar con dúas persoas para a súa realización, os traballos levaranse a cabo en todo caso polo tempo mínimo e imprescindible, e respectando as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria, e así deberá especificarse na declaración responsable, sinalando o concreto tipo de traballos ou cultivos ou, se é o caso, a causa xustificada de que se trate.

    ORDE do 4 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 23 de marzo de 2020 pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias. (DOG nº 85 do 5/5/2020)