• 2021-01-11 13:26:26
    Concello

    O Concello de Touro lembra aos seus veciños e ás súas veciñas que extremen as precaucións para combater a Covid19 ante o continuo crecemento de contaxios que se están producindo en toda Galicia tras a celebración das festas de Nadal, fin de ano e Reis. Recomenda ter máis presente que nunca as indicacións das autoridades sanitarias que insisten en manter a distancia social, utilizar sempre a máscara e lavar ou desinfectar con frecuencia as mans. Tamén é aconsellable evitar encontros entre non conviventes e desprazamentos.  

    Por outra banda, o Concello de Touro lembra que é a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade quen informa puntualmente dos casos activos de coronavirus en Galicia. A Consellería de Sanidade mantén un protocolo de seguimento directo dos casos activos para coñecer o seu tratamento e evolución. O traballo de informar dos casos non lle corresponde aos Concellos, que, no caso de Touro, ademais de non manexar esa información, quere evitar calquera situación de alarma ao tempo que tamén pretende manter a confidencialidade e o respecto polos casos que puideran darse no noso municipio.

    Lembramos á nosa veciñanza que se algunha persoa afectada precisa de produtos básicos se poña en contacto co Concello o máis axiña posible, evitando desprazamentos.  

    Protéxete para protexer aos demais.