A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas do Programa Respiro Familiar, destinadas a apoiar ás persoas coidadoras habituais non profesionais que atenden de maneira continuada persoas en situación de dependencia, con discapacidade ou que precisan axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria.
As axudas están destinadas a facilitar períodos de descanso e conciliación das persoas coidadoras e contemplan tres modalidades: atención no propio domicilio, atención en centro de día e estadías temporais en centros residenciais. A contía pode acadar ata 1.000 € anuais nas modalidades de respiro no fogar e centro de día, e ata 1.500 € anuais no caso de atención residencial.
Prazo de solicitude: do 12 de agosto ao 15 de outubro de 2026.
As persoas interesadas poden dirixirse aos Servizos Sociais do Concello para recibir información e apoio na tramitación da solicitude.
